O sector da construción en Galicia representa o 5,5% do PIB e xera o 7,5% dos postos de traballo
Segundo datos do Instituto Galego de Estatística relativos a 2023, a construción xerou na comunidade galega un valor engadido bruto (VEB) de 4.181,6 millóns de euros e creou 77.961 empregos a tempo completo.
O sector da construción en Galicia xerou en 2023 un valor engadido bruto (VEB) de 4.181,6 millóns de euros, o que representa o 5,5% do Produto Interior Bruto (PIB), segundo recolle o informe do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre Seguimento e análise da construción do segundo trimestre de 2024. Este nivel de actividade fixo que o emprego no sector se situara nos 77.961 postos de traballo equivalentes a tempo completo, o 7,5% do total.
En España, o sector da construción representa o 5% do PIB e o emprego supón o 7% do total de postos de traballo equivalentes a tempo completo. No segundo trimestre de 2024 o VEB do sector varía un 3% en Galicia e un 2,4% no conxunto do Estado.
A compravenda de vivendas aumentou un 3%
O principal indicador de demanda, a compravenda de vivendas, presenta unha taxa de variación interanual positiva aínda que menor que a do trimestre anterior.
O número de compravendas efectuadas sobre vivendas da Estadística de transmisiones de derechos de la propiedad do Instituto Nacional de Estadística (INE) mostra unha variación do 3% no segundo trimestre de 2024. Os datos de compravenda de vivendas totais da Estatística registral inmobiliaria do Colegio de Registradores indican unha variación do 3,8%.
Dende a perspectiva da oferta residencial, tanto as series de licenzas como as de visados rexistran taxas positivas con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior. Pola súa banda, as series periodificadas de licenzas e visados, máis contemporáneas coa actividade, presentan o mesmo comportamento, tanto as licenzas como os visados se incrementan.
No caso da oferta non residencial, as dúas principais fontes de información sobre este subsector, licenzas e visados, indican unha redución da actividade no segundo trimestre de 2024. Así, os visados presentan unha taxa interanual do -28,1%, mentres que as licenzas varían un -46,8%. As series periodificadas de visados e licenzas, máis contemporáneas co nivel de actividade, indican un comportamento diferente, cunhas taxas do 46,3% os visados e do -31,7% as licenzas.
A licitación oficial redúcese un 16,4%
En canto á licitación oficial, segundo os datos do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, o importe licitado no segundo trimestre de 2024 polas administracións en construción (edificación e enxeñería civil) en Galicia rexistrou unha baixada do 16,4%, con respecto ao licitado no mesmo trimestre do ano anterior. As obras de enxeñería civil, que supuxeron un 72,2% da actividade licitadora da Administración neste trimestre, presentan unha baixada do 18%.
Podes descargar o informe completo sobre a evolución do sector no cuarto trimestre de 2024 na web do Instituto Galego de Estatística.